CHARLA SENSIBILIZACIÓN NO IES MARÍA SOLIÑO

24891511400_d6d31113e3_zO pasado 16 de febreiro tivemos o pracer de poder impartir unha charla de sensibilización no instituto María Soliño (Cangas).
Estas charlas están desenvolvidas no marco do noso proxecto Pregatirea Maine, onde o principal obxectivo do acto era conseguir que os alumnos entendesen a inmigración desde outro punto de vista, tentar que empatizaran coas persoas que buscan unha vida mellor noutro país e as dificultades que pasan para integrarse nunha nova cultura, e ao mesmo tempo, facerlles comprender dunha maneira práctica, que as etiquetas impostas ás persoas estranxeiras dificultan a súa inserción social, e que eles poden  participar no cambio desta situación.

A charla foi realizada polo noso compañeiro Hafdallah, un psicólogo saharauí, que conta cunha gran capacidade para tratar con rapaces.
Tras facer unha introdución sobre os aspectos básicos que implica a inmigración, realizou un xogo de rol “A discoetiqueta”, que consistía en etiquetar a oito alumnos e facer que entre eles se tratasen segundo a súa etiqueta nun ambiente de discoteca. Nalgúns casos as etiquetas eran positivas, como “abrázame”, e noutros casos eran negativas, como “expúlsame do grupo”, “insúltame”. Neste xogo a intención era facer comprender aos alumnos, que a forma que temos de etiquetar ás persoas en base a prexuízos poden facer dano a aqueles que se lle impoñen esas etiquetas, e que antes de etiquetar debemos pensar en como sentirá esa persoa cando nos relacionemos con ela desa maneira. E para finalizar contoulles a súa historia de vida, unha historia realmente impactante, non só pola parte máis dramática da situación que viviu, senón tamén pola capacidade de resiliencia que tivo ao longo da súa vida.

O desenvolvemento da charla fixo que a medida que avanzaba, os alumnos fosen empatizando progresivamente co colectivo inmigrante, sendo o final da charla o máis emotivo, probablemente pola historia de vida contada en primeira persoa por Hafdallah.

Advertisements

Día internacional do pobo xitano

Abrente incerto

Día internacional do pobo xitanoLogo de séculos de desprezo e persecución, chegou o día 8 de abril de 1971 e o movemento asociativo xitano, reunido en Londres, reividicou a dignidade e a xustiza que lles foran negadas ás persoas e comunidades romaníes polo largo mundo que camiñaron.

Vintecatro anos despois, a maior parte das reivindicacións seguen vivas, frescas e actuais. Sen embargo, en certos países, tamén no noso, o movemento asociativo xitano murchou.

Fai falta un novo pulo a prol da convivencia e da xustiza. Desterrar a discriminación, pero tamén os novos caciques e as vellas opresións, de familia, de xénero, de idade, que impiden unha nova primavera.

Opre Rroma!

View original post

Voluntariado con mulleres inmigrantes

Descrición da actividade

Mulleres con capacidade para a didáctica da lingua española cun grupo moi heteroxéneo en canto a procedencia e dominio da lingua española.

Horario:

Mércores

16:00 – 17:30 Horas

Perfil de voluntariado

Mulleres con competencias para a docencia da lingua española en contextos interculturais.

Obradoiros de diversidade cultural no IES Mugardos

O IES Mugardos foi hoxe o anfitrión duns obradoiros de interculturalidade que teñen por finalidade realizar un achegamento á cultura e á realidade xitana na nosa terra, partindo da experiencia cultural de cada quen, da valorización da propia experiencia como base para a valorización da experiencia allea. Os obradoiros desta mañá serviron tamén para traballar a empatía, a asertividade e a escoita activa, habilidades sociais imprescindibles para a convivencia e para o desenvolvemento persoal. Participou o alumnado de 1º e 2º da ESO, en dinámicas que tiñan como base os textos de Eduardo Galeano (El mundo patas arriba) e unha pintada nun muro dunha cidade, que nos lembra a interdependencia entre países e culturas na nosa vida cotiá.

Estes obradoiros terán continuidade o vindeiro 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, en que completaremos a xeira con estudantes de 3º de ESO e PCPI. Os obradoiros inclúen, ademais, unha sesión co profesorado en que traballaremos a continuidade da abordaxe da convivencia coa diversidade cultural.

Lei Xitana?

Abrente incerto

Agora que volven a primeiro plano da actualidade determinados impostores, que din falar en nome do pobo xitano cando levan anos falando exclusivamente en nome propio, convén reflexionar sobre a pertinencia da lei común na abordaxe dos dereitos das minorías.

Para comezar, hai que afirmar rotundamente que, de entender por Lei Xitana un corpo xurídico pechado cuns procedementos de aplicación coñecidos e compartidos, logo de trinta anos de experiencia non atopei aínda nada que se poida validar como tal Lei. Non negarei a existencia dun dereito consuetudinario que determinadas comunidades culturais (case sempre territoriais) consideran de aplicación para a súa convivencia. Pero ese dereito debe posuír uns trazos de recoñecemento e aceptación suficientes como para poder considerarse como un corpo xurídico, con ou sen sanción política e administrativa, que esa sería outra cuestión. O que estou negando non é a súa posibilidade; tampouco a súa aceptación no ámbito do Estado…

View original post 422 palabras máis

Diversidade cultural no curso de Lingua Española

ImaxeUn numeroso grupo de mulleres participa desde o pasado 22 de outubro no curso de lingua española para estranxeiros organizado pola Asociación Diversidades. O Curso realízase de luns a xoves na sede da asociación en horario de 16:00 a 18:00.

Concibido inicialmente pensando na poboación romanesa da cidade de Vigo, o grupo que acabou realizando o curso de Español para estranxeiros foi bastante máis plural na súa configuración, incluíndo persoas de Senegal, Rusia, Ucraína, Brasil, Corea e, por suposto, Romanía.

O curso desenvolve temas da vida cotiá, pensados para a interacción social nos medios máis habituais, nomeadamente aqueles en que as persoas en risco de exclusión procuran alternativas para unha vida máis plena.
Aínda que se traballaron tamén cuestións de comprensión e expresión escrita, especialmente pensadas para aquelas participantes que teñen un maior nivel de lectoescritura na súa lingua natal, o curso está pensado para desenvolver as habilidades de comprensión e expresión oral, determinantes no día a día de calquera persoa.
O curso está constituíndo, ademais, un excelente momento de encontro entre persoas de diferentes culturas que practican, xunto coa lingua, a tolerancia, a convivencia e a construcción dunha sociedade intercultural.